![]() |
|
||
| Colias crocea (Geoffroy, 1785) | |||
|
|||
|
É unha das bolboretas máis
comúns de Galicia. Taxonomicamente forma parte da Familia Pieridae,
familia á que pertencen as bolboretas da col, como Artogeia e Pieris.
No Leste galego podemos atopar unha especie semellante, trátase de Colias
australis Verity, 1905, que se pode distinguir externamente de C.
crocea pola ausencia dun ribete negro, situado no anverso das ás
posteriores, na marxe externa destas. Os tres pares de patas son
funcionais, característica da Superfamilia Papilionoidea, e dúas veas
anais na á posterior (Familia Pieridae), os vermes son verdes cunha liña
marela lonxitudinal. É unha especie de constitución
forte, capaz de realizar grandes migracións, xa que os exemplares
presentes nas illas Británicas e norte de Europa, son migrantes do sur. A
cor básica das ás é o marelo, cunha serie de manchas negras. Hai femias
que presentan unha coloración máis pálida (forma helicina
Oberthur) e tamén brancuzada (f. helice, Huebner), está última
representa aproximadamente un 10% da poboación -varía segundo as poboacións
e é xeneticamente dominante. A presencia de imagos é
practicamente ininterrompida durante todo o ano, sendo as citas máis
temperás e tardías o 3 de xaneiro e o 12 de santos, respectivamente, o
que implica un solapamento do período de vóo, que se explica pola
presencia de adultos invernantes que se ven os días soleados de inverno. Segundo a bibliografía, en
Galicia desenvólvense de 3 a 4 xeracións. A fenoloxía observada,segundo
os datos que dispomos polo programa ESENGA, implica un solapamento destas,
cun pico que vai dende san xoán ata agosto, con presencia moderada en
maio e setembro non producíndose diapausa estival. Outra posibilidade que
nós plantexamos é que existan menos xeracións e que a presencia nun
amplo espacio temporal de imagos recén eclosionados corresponda a
movementos migratorios localizados, mesturados cun diferencial no
desenvolvemento a adultos en distintas zonas. Primeiro estaría o
desenvolvemento de exemplares ó ritmo dado por un hábitat e condicións
atmosféricas, ós individuos adultos presentes se engadirían os
provintes doutras zonas, que se terían desenvolvido antes ou despois,
segundo circunstancias microclimáticas, favorecendo o efecto de varias
xeracións nun mesmo punto. Os hábitats axeitados son os
abertos, polo que é doada de ver polos camiños e prados, onde as eirugas
alimentanse de Trifolium pratense e T. repens. A altitude non é limitante da
distribución en Galicia; a nivel europeo considérase limitada ós 2.000
metros de altitude. A distribución abarca Europa,
excepto os países escandinavos, e chega ata Rusia e Oriente Medio, tamén
se distribúe polo norte de África e illas mediterráneas. A maior parte
desta distribución é debido a exemplares migrantes, xa que a cría é
fundamentalmente a cunca mediterránea e a Península Ibérica, incluída
a costa atlántica e cantábrica. Xosé
Lois Rei Muñiz |
|||
|
[PORTADA]
[NOVAS] [ESENGA]
[GALERÌAS]
[ANUARIO] |