SGHN_Mantis_ religiosa

 

Mantis religiosa Linnaeus, 1758

É un dos insectos máis coñecidos e con peor fama. Taxonomicamente encádrase no suborde MANTODEA, que xunto co suborde BLATTODEA (cucarachas) constitúen o Orde DYCTIOPTERA. Non obstante bastantes autores consideran a Mantodea como un orde válido e perfectamente caracterizado, polo que é presumible que esta postura sexa a que prevaleza. A diferenciación taxonómica entre ambos grupos basease na presencia de tres ocelos na testa e pronoto alongado sen cubri-la testa en Mantodea e dous ocelos e pronoto en forma de escudo cubrindo parte da cabeza en Blattodea. Anteriormente, incluianse no Orde CURSORA, composto por cucarachas, mántidos e insectos pao (PHASMIDA), e tamén no Orde ORTHOPTERA. Os Mantodea comprenden unhas 1.800 especies e 8 Familias repartidas por todo o mundo, especialmente polas zonas tropicais e mornas. Na Península Ibérica habitan 14 especies distribuídas en tres Familias. De Galicia temos poucos datos ó respecto, están representadas alomenos duas familias : Mantidae (Mantis) e Empusidae (Empusa e Iris).

A Mantis religiosa, como o resto do Orde, caracterízase por un desenrolo con metamorfose incompleta en 4-5 mudas, aparato masticador, vó torpe e pronoto alongado. Presenta grande dimorfismo sexual, sendo a femia maior. Despois da cópula pon os ovos inmersos nunha estructura denominada ooteca, sendo pegada a unha pola, herba ou similar. Esta estructura fornécelle protección e pasarán en estado de ovo o inverno, emerxendo as novas mantis ó ano seguinte, aínda que soen ser parasitadas por himenópteros.

Os hábitats axeitados son os de matogueira e prefire as zonas secas e cálidas. É un depredador que soe cazar ó asexo, inmobilizado e camuflado. Na caza emprega as patas anteriores, modificadas para a suxeición que se ve favorecida por espiñas. Para a captura de presas de tamaño maior ca ela, adopta unha postura característica  (denominada espectral ou fantasma), abrindo as ás e patas dianteiras, e abalanzandose sobre a presa, isto interprétase como unha actitude de intimidación. 

A distribución abarca rexións cálidas de Europa Meridional ata Polonia, Asia e Africa, introducida en Norteamérica e Australia a través de ootecas en caixas e similares. En centroeuropa considérase en situación de alta vulnerabilidade, estando legalmente protexida nalgúns países. En Galicia, se ben non é abondosa, non semella ter especiais problemas, aparte dos comúns coutros insectos (incendios, biocidas...)

O nome común que se lle soe dar é de "mantis religiosa", atendendo a posición das patas prensoras anteriores, que lembran unha postura de pregaria. Outros nomes de similar orixe son o de Santa Teresa (Andalucía), prega Deu (Cataluña) ou lou Prègo-Dieu (Francia): a besta que reza a Deus. Os gregos tíñanlle o nome do adiviño, o profeta. Aínda que é un formidable depredador e posuír mala prensa, é inocua para ó home, carecendo de calquera tipo de aparato inoculador, as espiñas das patas non atravesan a pel nen as mandíbulas poden facer dano algún.

Tense falado moito do feito e causas para devorar ó macho durante ou despois da cópula, aínda que non sempre ocorre así. A explicación deste comportamento suscita varias hipóteses: as de maior base son a dunha posible confusión con outro insecto. Outra baséase na necesidade de proteínas suplementarias para remata-lo ciclo vital (posta de ovos), toda vez que aínda que devore ó macho durante a cópula, este segue con movementos abdominais para transmitir a carga fecundadora, non perturbando a cópula.

Xosé Lois Rei Muñiz

[PORTADA] [NOVAS] [ESENGA] [GALERÌAS] [ANUARIO]
[ENTOMOFAUNA] [LIGAZONS]