Melanargia_lachesis

Melanargia lachesis (Hubner, 1790)

Esta bolboreta pertence á familia Satyridae. Esta familia caracterízase por ter dous pares de patas funcionais nos machos e reducidos nas femias, vea M1 independente da vea radial e cunha ou máis vesículas basais inchadas. Aparte das características taxonómicas, as cores dos adultos soen ser de tons apagados e escuros, desta regra é excepción este xénero, que mestura o branco e o negro.

En Galicia atopamos catro especies deste xénero: Melanargia galathea, M. russiae, M. occitanica e M. lachesis, sendo esta última a máis común e espallada. Ata hai non moitos anos M. lachesis estaba considerada como unha subespecie de  M. galathea. A subespecie nominal distribúese por todo o Oeste do continente europeo ata o Báltico.

Mostra preferencia por prados abertos e soleados, nos que pode acadar altas concentracións (0,06 exemplares/m2). A cita máis temperán recollida corresponde ó 15 de maio e a máis serodia ó 29 de agosto, o que coincide coa bibliografía xeral. É unha especie de tamaño medio, dando unha media de 27,98 mm de lonxitude alar (n=28), aínda que presenta unha grande variabilidade de tamaño.

Na bibliografía recóllense varias plantas nutricias: Poa pratensis, Phleum pratense, Brachypodium pinnatum, Holcus mollis e Holcus lanatus (Iglesias & Astor, 1992), Triticum spp (Higgins & Riley, 1973).

A distribución en Galicia abrangue todo o territorio, aínda que os datos propios do programa ESENGA son poucos como se pode ver no mapa adxunto.

 

BIBLIOGRAFÍA

Higgins, Lionel G. e Riley, Norman D. (1973) Guía de campo de las Mariposas de España y de Europa. Ediciones Omega, Barcelona. 392 pp.

 

Iglesias Garrote, Xosé Luís e Astor Camino, Xulio (1992) Guía das bolboretas de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 326 pp.

 

SGHN. Base de datos do Programa ESENGA.

Xosé Lois Rey Muñiz

 

[PORTADA] [NOVAS] [ESENGA] [GALERÌAS] [ANUARIO]
[ENTOMOFAUNA] [LIGAZONS]