![]() |
SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL SECCIÓN DE ENTOMOLOXÍA |
||
| Pararge
aegeria
(Linnaeus, 1758) |
|||
|
|
|||
Pararge aegeria, (Linnaeus, 1758) Esta bolboreta da familia Satyridae é unha das máis comúns que podemos atopar no noroeste penínsular. Como o resto da familia, caracterízase por ter dous pares de patas funcionais nos machos e reducidos nas femias e predominan as cores escuras, basicamente marróns.
É o único representante do seu xénero en Iberia e Europa continental. No paleártico atopamos otras dúas especies (P. xiphioides e P. xiphia) de distribución macaronésica (Illas Canarias e Madeira respectivamente). Distribuese por toda Europa e norde de África ata o centro de Asia. En Galicia atopamos a subespecie nominal, que abrangue dende África, toda a Península Ibérica, Italia e sur e centro de Francia, o resto da distribución corresponde á subespecie tircis. Presenta requerimentos ecolóxicos ben definidos, como zonas umbrías pero que deixen pasar raios de sol, polo que abonda nas carballeiras, bosques caducifolios en xeral e hortas sombreadas.
Na bibligrafía recóllense indicacións de ata tres xeracións por ano, invernando algúns exemplares, ben pupados ben como adultos, que se adoitan ver nos días soleados do inverno. Non se pode precisar unha separación nidia entre xeracións dado o solapamento de exemplares invernantes e recén emerxidos. No gráfico adxunto móstrase a fenoloxía recollida para 138 rexistros, no que se aprecia unha primeira xeración arredores de abril, basicamente composta por exemplares invernantes e recen emerxidos e outra xeración máis ampla que vai dende xuño ata a primeira quincena de septembro, aínda que esta xeración puidera doadamente estar composta por dúas xeracións superpostas.
Na bibliografía recóllense varias plantas nutricias dafamilia das gramíneas: Agropyron spp, Triticum repens (Higgins & Riley, 1973) Poa pratensis, Brachypodium pinnatum, Dactylis glomerata e Agropirum repens (Iglesias & Astor, 1992). A distribución en Galicia abrangue todo o territorio, segundo se recolle no mapa adxunto.
BIBLIOGRAFÍA - Higgins, Lionel G. e Riley, Norman D. (1973) Guía de campo de las Mariposas de España y de Europa. Ediciones Omega, Barcelona. 392 pp. - Iglesias Garrote, Xosé Luís e Astor Camino, Xulio (1992) Guía das bolboretas de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 326 pp. - SGHN. Base de datos do Programa ESENGA.
Xosé Lois Rey Muñiz |
|||
|
[PORTADA]
[NOVAS] [ESENGA]
[GALERÌAS]
[ANUARIO] |