|
Pyrrhosoma nymphula
é un cabaliño do demo e
polo tanto pertence á Orde dos Odonatos, suborde Zigopteros e, máis
concretamente, á familia Coenagrionidae, da que existen representantes
doutros 5 xéneros en Galicia.
Esta especie é de fácil recoñecemento pola cor
vermella con trazos negros do abdome, diferenciándose de especies
similares coma Platycnemis acutipennis e Ceriagrion tenellum,
por ser de aspecto máis robusto e ter as patas de cor negro. A
lonxitude do abdome é de 25 a 29 mm.
Nas femias a extensión da cor negra na cara dorsal do
abdome é variable, ó que da lugar a que se poidan recoñecer varias
formas:
- Forma
típica: Abdome vermello con liña mediana negra e segmentos 7 a 9
totalmente negros.
- Forma
fulvipes: Abdome case totalmente vermello.
- Forma
melanotum: Abdome case que totalmente negro.
Hábitat
Presente
tanto en augas quedas coma en augas correntes. Temos rexistrada a súa
presencia en pequenos estanques, lavadoiros abandoados, lagoas, regatos,
canles e mesmo na beira de grandes ríos.
Atópase
dende o nivel do mar ata cotas por enriba dos 1.500 m s.n.m. nos Ancares.
Costumes
É un dos
cabaliños do demo máis precoces, o período de vóo rexistrado vai de
primeiros de marzo (6/III/93) a últimos de agosto (28/VIII/93), o que
amplía o indicado por AGUESSE (1968) para Europa Occidental (15 de
abril a 15 de Agosto).
As larvas
localízanse entre a vexetación acuática ou ben sobre o fondo. Unha
vez completado o seu desenvolvemento, as larvas saen na auga trepando
polo talo dalgunha planta e fixándose a ela fan a derradeira muda, na
que se transforman en imagos (adultos). Os adultos recen emerxidos pasan
un período de maduración de varios días, tempo este no que poden ser
observados en hortas, prados e mesmo piñeirais soleados pretos dos
medios acuáticos. Unha vez completado o período de maduración voltan
ós medios húmidos para a reproducción. A primeira cópula observada
é da segunda quincena de marzo (21/III/94).
Durante a
posta, o macho permanece unido á femia, a cal apoiándose nun talo ou
follas sobre o auga, introduce o seu abdome na auga para inserta-los
ovos na superficie do vexetal. Os ovos eclosionan o cabo de varias
semanas,dando lugar as larvas que tras varias mudas completan o seu
desenvolvemento na primavera seguinte.
Distribución
Presente en
Europa e Marrocos. En Galicia temos rexistrada a súa presencia nas
catro provincias e supoñemos que está amplamente
distribuída por toda
a nosa xeografía. Ver mapa.
Carlos
Rey Rañó
|