HISTORIA
Texto escrito en 2001 por X.A. Bocixa (do
grupo de Cerceda "Zenzar") extraido
de http://usuarios.lycos.es/xacas/rockgalego.htm
Con este artigo o único que pretendo
é dar a miña opinión sobre a situación do rock galego e valorizar a sua andaina
ao longo destes poucos anos de história. Para iso valerei-me da miña
experiéncia dentro deste burato bastante escuro no que a maioria resiste co
ánimo de abrir xanelas para que entre a luz e o ar necesários e asi outras
persoas sigan adiante co traballo de dignificación dunha morea de grupos que
cantan en galego porque se trata da sua língua, da sua história e porque é
preciso que se teña en conta o seu traballo para camiñar cara á
profesionalización, pois se isto non acontece o futuro será pouco doado. Tamén
se recollen opinións das persoas que durante esta década estiveron ou están
mergulladas neste mar de graxa. En Maio do 1968 Celso
E. Ferreiro escrevia: "Hai que darlle o pobo unha canción acorde cos
tempos nos que vivimos, un pobo sen música é un corpo sen alma". Á marxe
de asuntos espirituais, esta aspiración creo que non está consumada xa que a
situación actual na Galiza está moi lonxe da normalidade, non só no rock, pois
apesar dese "boom" da música folk da que tanto se fala, cantos grupos
de folk ou música celta que parecen ter máis posibilidades no circuíto comercial
conseguen vender discos fóra da Galiza?, atreveria-me a afirmar que non chegan
á meia dúcia, isto mostra-nos a realidade e xa sobran os comentários a respeito
da música tradicional e do Rock Galego que é o que nos ocupa.
Pero, que se entende por Rock Galego? Hai quen pensa que é o rock feito
en Galiza, sexa no idioma que sexa; Hai quen cre que se deve chegar a criar un
estilo próprio ben diferenciado doutras culturas e que só asi poderemos
chamar-lle galego. Eu chamo-lle Rock Galego ao rock feito na Galiza na própria
língua sen ánimo de desterrar a ninguén, xa que en calquera lugar do
planeta cada quen deve ter a opción de
expresar-se na língua que desexe, pero desde a miña perspectiva nacionalista, a
miña própria, o idioma é algo fundamental, e como o grau de normalización
lingüística é moi deficiente, a música precisa de artistas que a usen, a sintan
e axuden a reviver unha língua que segundo os expertos está condenada a
desaparecer ainda que moitos nos resistamos a cre-lo, portanto tamén é unha cuestión de idioma. O galego ten que
estar presente no rock, no pop, nas orquestras...
20 anos de rock en
galego
Logo de toda esa morea de anos de miséria cultural e
de proibicións, semellaba que a língua galega non interesaba a ninguén ou que o
complexo de língua vulgar era moi grande. A finais dos anos 70 un grupo chamado
"Goma dous" editan un LP en
galego, pero a miña primeira referéncia do rock en galego chega na seguinte
década cando aparecen na cena musical outras bandas como Radio Océano ou Os
Resentidos. Estes últimos conseguen abrir un burato e introducir-se no
mercado discográfico estatal co apoio doscográfico de fóra do país. Gravaron o primeiro LP no ano
85, "Vigo capital Lisboa", e despiden-se no 94 cun compilatório
titulado "Made in Galicia", unha maxi-homenaxe aos líderes da URSS e
unha sinxela solidariedade co sector naval de Ferrol e Vigo que sofren nese momento
unha forte reconversión. Antón Reixa,
líder dos Resentidos: "Ao Rock Galego vexo-lle un futuro
duro. Vin con moita esperanza unha chea de grupos que comezaron despois de nós
cantando en galego, había e hai grupos moi interesantes pero o mercado e as
circunstancias son moi inxustas con eles, que fixeron e fan moi boa música pero
que case nunca ten repercusión nos meios, no público... Tivemos a sorte de que
Galicia Caníbal entrou nas listas de éxitos do estado e converteu-se na nosa
canción máis radiada e que nos abriu todas as portas..."
Josito Pereiro, no seu momento en Radio Océano contou-me que a princípios dos 80
simplesmente por dar algun concerto de rock por pubs xa ocupabas máis páxinas
na prensa e resto de meios que hoxe por sacar un disco.
Despois da conquista dos Resentidos moitas bandas seguen o exemplo e
comezan a aparecer grupos por todo o país como Yelow Pixoliñas de Monforte, Diplomáticos
na Coruña, Os
Rastreros en Chantada, Skornabois en Vilanova de Lourenzá, Korosidansas
en Vilagarcia, Zenzar desde Cerceda, Túzaros
e Fame Neghra en
Compostela, por mencionar alguns dos que editaron un ou vários discos. Uns
abandoaron, outros desapareceron e moitos resisten coa mesma formación ou con
outras bandas.
Xurxo Souto pensa que
"naquel momento existia un tabu que dicia que o galego non valia para o rock, precisamente creo que Os
Diplomáticos xurdiron para demostrar que todo aquilo era mentira,
falácias, miséria mental. Asi naceron Os Diplomáticos de Monte Alto que
tiñan máis sentido canto máis ubicados na cidade estiveramos. A cuestión
funcionou ben e logo coñecémos outros compañeiros de rota e afortunadamente
agora calquer rapaz ten a opción de facer rock en calquer língua pero tamén en
galego, pois ese tabu está derrubado grazas ao labor dunha dúcia de grupos que
nos 80 princípios dos 90 estivemos aí."
Richi, baterista dos Rastreros: "en Chantada ninguén nos tomaba a
sério nen valorizaba o noso disco até que nos viro na TVG (risos). Hai que ter
un pouco de critério, de personalidade para escoller o que gostas sen que che
digan o que deves mercar.
As instituizóns non deven molestar, non pór trabas para a celebración de
concertos... non devemos pensar nunha música subvencionada porque a realidade
demostra-nos que só subvencionan, promoven a artistas politicamente
correctos."
Pode-se afirmar que todos estes grupos que van xurdindo teñen en comun
várias cousas: pratican a maioria rock reivindicativo, con letras críticas que
fomentan a reflexión, inconformistas e desde unha ideoloxia de esquerda; tamén
claro está por diversión.
Indústria discográfica
galega e meios de comunicación
Este é un dos capítulos
máis negros porque para sacar a flote a música de calquer país é preciso contar
co apoio dunha indústria discográfica capaz de levar adiante o traballo de
edición, distribuizón, promoción e produción en condicións aceptábeis, cousa
que no rock non se ve cercano de momento.
Existen várias discográficas que se encarregan da edición dunha mínima
cantidade de traballos cada ano (Sons Galiza, Clave Records, Chorima, Edicións
do Cumio...) e ainda que cada vez as condicións son mellores devido á
existéncia dunha aceitábel oferta de estúdios de gravación, técnicos de son...
a distribuizón segue sendo moi pobre xa que a presenza dos traballos en tendas
de música no noso próprio país case nunca se consegue. As tendas reservan-lles
sítio aos grupos de moda do momento que soan
cada hora nas emisoras comerciais, desgrazadamente é a música que segue
a vender-se. Cantas tendas de música teñen un pequeno espazo para expor 30 ou
40 discos co carteliño de Rock Galego
que lle permita ao posíbel comprador coñecer estas edicións?
Emílio dos Skornabois
non duvida en afirmar que "a culpa da má situación é en boa parte dos
meios de comunicación que só dan cancha a grupos de discográficas potentes que
pagan pola promoción. Os meios públicos como a Radiotelevisión Galega ou Radio
3 marxinan o rock galego. Ademais hai pouca consciéncia neste país, valoriza-se
pouco o próprio e mira-se sempre para o que chega de fóra ainda que ás veces a
calidade sexa moi inferior. Moitos grupos que editamos discos fixemo-lo porque
moitos turramos contra todo."
Manuel Seixas, escritor
vencellado a Korosidansas,
grupo formado a finais dos 80 para facer música protestona, basicamente para un
concerto contra a urbanización da illa Cortegada e na actualidade con novo
traballo en solitário e involucrado nun novo selo chamado Madame Mir conta que
"a promoción dos produtos que van saíndo aqui custa moito, a verdade é que
polo momento un xornal galego vende máis se sae Richi Martin que Korosidansas.
Na TVG ignora-se o rock en xeral, non hai nada de promoción. O noso foi unha
loita, e segue sendo, por tentar cantar en galego. É moi difícil conseguir
concertos, moi difícil vender... creo que é o de sempre, a xente non valoriza o
próprio. Na Galiza o que houbo e segue a haber desde hai anos é moitos
Xacobeos, moitas celebracións grandilocuentes que no fundo non significaron
nada para o noso. Os rapaces non teñen
fácil acceso á cultura galega en galego de verdade e moito menos á música.
Desde ámbitos do poder como a Xunta e demais, só se fan investimentos brutais
no que os políticos que nos governan denominan cultura e que eu mellor vou
deixar sen cualificativo. Mentres siga este tipo de política cultural entre
aspas, asi nos lucirá o pelo."
O certo é que a presenza do Rock Galego nos meios de comunicación do
país é anecdótico. Os discos chegan á Rádio Galega, soan unha vez con sorte e
pasan a facer parte dos arquivos. Dá-se-lles máis cancha a bandas que cantan
letras "divertidas" e "que non se metan en política" ou que
canten en inglés xa que asi non hai problemas, xa que a maioria non entende.
Mário dos Túzaros di: "os meios de
comunicación están todos controlados polo poder político e os grupos galegos
que reivindicamos o direito á nosa cultura non temos aceso a eles. Estamos
condenados ao ostracismo, non podemos chegar ao mercado. Ignora-se-nos e non se
nos dá oportunidade de saír nos meios."
Canto á produción, non hai nengunha empresa na Galiza que aposte polo
rock en galego. Isto leva-nos a que as grandes montaxes encarregan-se a
empresas controladas desde fóra do país
polo que os cartos se van e por riba non se inclue o rock galego nestes
festivais que ao fin promoven o o alleo e non axuda para nada á nosa música. Un
novo xeito de promoción e divulgación aparece coas novas tecnoloxias e neste
apartado hai vários proxectos que tentan botar unha man; é o caso de páxinas
dixitais como www.bravu.net ou www.culturagalega.org que inclue
mostras sonoras das edicións con información adicional que se mantén durante
meses na páxina. Ainda que de momento os usuários non son maioritários, é moi
positivo non descoidar-se nese terreo.
AMELGA-Asociación de Músic@s en Língua Galega (http://www.geocities.com/amelgaweb/)
Logo dunha reunión que
nos recorda o "banquete de Conxo" por ter lugar nese mesmo sítio,
criou-se a Asociación de Músic@s en Língua Galega que celebrou a sua II
Asemblea este ano 2001. Forman parte da mesma grupos e solistas de calquer
estilo que teñan un claro compromiso coa língua e a cultura galega ou cuxo
obxectivo sexa a recollida da tradición musical galega e a sua difusión.
O obxectivo é a promoción, reivindicar a atención dos meios de difusión,
apresentar propostas nas que se incluen actuacións de grupos galegos, criar
obradoiros de formación, asesoramento legal, intercámbios con outras culturas e
realidades sociais...
Xa se conseguiron programas que levaron a todos os grupos a actuar en diversos cenários do país en
condicións técnicas e económicas dignas, imparten-se charlas polos coléxios,
actos reivindicativos de atención á música en galego...
Tenta-se criar unha rede de concertos polo território galego xa que case
non hai espazos nen para ensaiar nen onde apresentar a música en directo.
Xan de Papaqueixos
pensa que "vivemos na Galiza estrambótica. Na Coruña fai-se un obelisco
que vale unha porrada de millóns pero non hai espazos para a cultura. En
Compostela gastan-se centos de millóns no ano da capitalidade cultural e á
música galega destina-se unha parte que dá a risa. Agora falan-nos dunha cidade
da cultura na que tamén se gastarán miles de millóns pero o que non se sabe é
para qué e para quen, é irreal. Primeiro devemos pór a base e logo seguir, pero
aqui venden-nos a moto e comezan-nos a casa polo tellado. Vivemos nun mundo
musical totalmente mediatizado. A xente acode aos concertos onde hai artistas
que recomendan as emisoras comerciais pero pasa da proposta do grupo da sua
vila, grupos que non teñen un espazo para mostrar a sua música. Hai bandas que
teñen calidade, un discurso super-coerente en galego e que deveríamos apoiar
que non teñen nen onde tocar. Logo os nosos políticos levan espectáculos ao
longo da xeografia galega como "Galicia Terra Única" que me parece
unha estafa. Nada de son en directo, nada plural, apenas se menten grupos de
rock, e recuperan vellas glórias que xa non teñen nengun interese... recordo na
Coruña espectáculos con Eric Clapton, Bananarama, Marta Sánchez,
Diplomáticos
e Cantigas da Terra. Realmente hai
que ser un pouco máis sério. Que eses grupos fagan unha peza en play back non é
apoio cultural nen dignifica a nosa música. Parece-me un despilfarro pero
nunca falta quen leve boas comisións..."
Mália todos os atrancos
que mencionámos, a ilusión non decae e cada vez son máis os que se apontan ao
Rock Galego conscientes da importáncia e da urxéncia de normalizar a língua ou
porque xa non hai complexo de língua de segunda. Cada ano novos
grupos aparecen, desaparecen, editan-se traballos ben desde algun pequeno selo, ben
desde o traballo de autoxestión
polo que moitos optan. Incluso discográficas máis fortes de fóra do país comezan a ollar-nos
de esguello, a estar atentas ao
que aqui se fai e mesmo levan adiante a edición dalgun traballo. Nen@s da Revolta, Ruxe Ruxe, Meninh@s da Rua, Skarnio,
Diskatocan, Lamatumbá, 5 Talegos ou Fuskenlla son só alguns exemplos que
confirman que segue medrando o número de
bandas dispostas a seguir tirando por este carro que anda espetado por
corredoiras de lama. Todos agardamos unha mudanza de rumo na política que
governa este país, pero iso decide-o a cidadania cada vez que lle toca opinar
nas urnas.